TERGAL é un banco de datos terminolóxico monolingüe en galego con equivalencias nas principais linguas estranxeiras, ademais doutras linguas románicas próximas a nós. Cada rexistro recolle a información relativa a unha realidade concreta, tanto a de carácter lingüístico, representada polas denominacións do concepto nas distintas linguas e as categorías gramaticais que lles corresponden, como a de carácter conceptual, expresada pola definición e a área temática.
Para facer buscas na aplicación, pódese escribir o termo desexado, ou unha parte do mesmo, na caixa de busca. No cadro despregable que se mostra xunto ao termo pódense escoller distintas opcións de busca:
O sistema non é sensible ás maiúsculas, pero si aos acentos, de modo que a busca do termo maza só mostrará os resultados que conteñen maza, pero non mazá.
As buscas parciais permiten o uso dos seguintes comodíns:
Tamén é posible especificar a lingua da consulta e restrinxir os resultados a unha área temática ou categoría gramatical concretas. A continuación pódese consultar información máis detallada sobre cada un dos campos de datos da aplicación.
En primeiro lugar, e con tipografía destacada, móstranse as denominacións galegas recomendadas para cada concepto. Estas teñen carácter prescritivo, xa que se basean nas resolucións adoptadas pola Comisión de Validación da Real Academia Galega, no dicionario normativo ou nos acordos adoptados no seo de TERMIGAL. O uso da cursiva nunha entrada responde á súa consideración de estranxeirismo non adaptado ao sistema galego.
As denominacións lematízanse atendendo á forma canónica das palabras, agás no caso das excepcións citadas a continuación, e as unidades pluriverbais preséntanse ordenadas secuencialmente, segundo a estrutura lóxica na frase.
Nas formas con variación de xénero, como no caso de certos substantivos ou adxectivos referidos a persoas ou os seus oficios, a flexión especifícase no propio campo do termo. Para facilitar as buscas, as denominacións femininas inclúense a continuación dos seus correspondentes masculinos, nas súas formas plenas e precedidas dunha coma, por exemplo, actor secundario, actriz secundaria. Desta forma, elimínanse posibles vacilacións na aplicación dos sufixos correspondentes, ademais de evitar que os desdobramentos e os signos de puntuación empregados dificulten a localización do termo. En cambio, nas definicións e notas preferiuse utilizar o masculino como englobador dos dous xéneros para evitar que os desdobramentos interrompan a lectura e recarguen o contido conceptual das oracións.
Os substantivos e adxectivos recóllense na súa forma singular, agás naqueles casos de plurais lexicalizados (por exemplo, miúdos no ámbito da alimentación) ou nos que o plural exprese mellor o significado recollido ou reflicta un uso maioritario (como os créditos dunha obra audiovisual). Os verbos lematízanse en infinitivo, sen especificación das formas enclíticas dos pronomes.
A continuación das formas galegas visualízanse as denominacións que recibe o concepto noutras linguas, principalmente en castelán, inglés, francés e portugués, aínda que algúns rexistros poden incluír adicionalmente outras. Estas denominacións teñen carácter descritivo, xa que este proxecto non ten por obxectivo a estandarización das linguas estranxeiras. As linguas abrévianse utilizando os códigos de dúas letras especificados na norma internacional ISO 639-1:
Con todo, nesta norma só se inclúen códigos de dúas letras para as principais linguas, de modo que as que non aparecen aquí recollidas abrévianse mediante os códigos de tres letras especificados na norma internacional ISO 639-2:
Cando existen diferenzas denominativas entre territorios coa mesma lingua oficial, inclúese a continuación da lingua unha marca para indicar que se trata dunha variante empregada nun ámbito xeográfico determinado. Os territorios das variedades diatópicas preséntanse codificados segundo a norma ISO 3166-1:
Nos rexistros correspondentes a seres vivos, o nome científico que se lles atribúe inclúese entre as denominacións existentes para ese organismo, xa que permite a súa identificación universal, sen os problemas de ambigüidade, sinonimia e polisemia existentes nos nomes vernáculos. A aplicación permite localizar rexistros tanto a partir do nome común das especies como a partir do seu nome científico. Se se desexa restrinxir a busca aos nomes científicos, pódese seleccionar esta opción no cadro despregable da categoría.
Para a especificación dos nomes científicos séguense as normas internacionais de nomenclatura, de modo que se recollen nomes uninominais para os xéneros e grupos taxinómicos superiores, binomiais para as especies e trinominais para as subespecies e variedades. Os nomes científicos destácanse en cursiva, co xénero escrito con maiúscula inicial e os epítetos que o acompañan en minúsculas, e mostran a categoría “nome científico”. A pesar de consignar os nomes recomendados polas autoridades de cada materia, cómpre ter en conta que poden non estar actualizados en todo momento debido á constante revisión á que se someten as clasificacións taxinómicas. De perseguir o rigor científico na citación dunha especie, recoméndase consultar as fontes de referencia para cada materia, como poden ser Flora Iberica e Germplasm Resources Information Network (GRIN) para as plantas, FishBase para os peixes, AlgaeBase para as algas, Avibase para as aves ou Index Fungorum para os fungos.
Os termos van seguidos da categoría gramatical que lles corresponde, que achega información morfosintáctica sobre o seu uso ao tempo que axuda a delimitar o concepto. A categorización dos termos responde aquí a un criterio funcional, e non simplemente morfolóxico, pois está baseada na función que desempeña cada termo no discurso. Nesta versión do produto non se mostran todas as categorías gramaticais nalgúns rexistros, mais espérase poder incluílas en breve.
Para codificar as categorías gramaticais empregáronse as seguintes abreviaturas:
Os rexistros inclúen un campo de validación no que se reflicte o grao de estandarización do termo galego. En cambio, para os equivalentes recollidos en linguas distintas do galego non se establecen distincións verbo da súa oficialidade. Os estados dispoñibles para os termos galegos son os seguintes: